Os parques Fermín Bouza Brey e Alexandre Bóveda conforman un conxunto atravesado polo río Corgo , que se sitúa entre as avenidas de Xoán XXIII e Castelao.
A localización destas zonas facilita a súa conexión con outros puntos de interese paisaxístico e natural, conformando unha completa rede de parques e zonas verdes para o paseo e o lecer no barrio no que se sitúan.
O primeiro deles está dedicado como homenaxe ao historiador, etnógrafo e escritor galego, que mantivo grandes vínculos con Santiago de Compostela e destacou por ser un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, en 1923.
A orixe do recinto atópase nos xardíns construídos na década de 1960 que xurdiron paralelos ao conxunto de edificios residenciais que o rodean. Posteriormente, foi remodelado, acondicionado e rebautizado como Parque Fermín Bouza Brey .
Do mesmo xeito que o Parque da Música , esta zona verde está atravesada polo río Corgo e destaca polas súas abundantes zonas de sombra e descanso, as súas fontes de auga potable e a dispoñibilidade de servizos e zonas deportivas.
O visitante deste recinto verde poderá gozar dos chopos que delimitan as marxes do curso fluvial, un dos elementos diferenciadores desta zona verde. Ademais, conta con especies como coníferas, pequenos grupos de abetos de Douglas ou liñas de paseo de cedro.
Este conxunto complétase co Parque Alexandre Bóveda , que se sitúa na zona comprendida entre os barrios de San Caetano e Vite.
O espazo verde leva o nome de Alexandre Bóveda Iglesias, icona do nacionalismo galego fusilado polos rebeldes ao comezo da Guerra Civil española.
Así, o parque érguese en lembranza do que foi, en palabras de Castelao , un dos intelectuais máis importantes da súa época e un dos principais motores do Partido Galeguista.
Esta zona tamén está orientada ao tempo familiar. De feito, conta cun parque infantil municipal con xogos para os máis pequenos e zonas de descanso para as súas familias, co fin de configurar un ambiente idóneo para a convivencia entre os veciños do barrio.