Cineuropa celebra 40 anos con cine internacional e novas miradas

6 Nov 2026 | Cultura, Lecer

O festival de cine alternativo Cineuropa cumpre 40 anos e celébrao cunha nova edición que volverá converter Santiago de Compostela nun punto de encontro para os amantes do cine. Do 6 ao 22 de novembro, a cidade acollerá unha ampla programación cinematográfica con películas internacionais, cine de autor e propostas do audiovisual galego.

Catro décadas despois da súa primeira edición, en 1987, Cineuropa mantén intacta a súa aposta por achegar ao público outras cinematografías, novas voces e diferentes formas de contar historias. En palabras da propia organización, o programa ofrece «unha maneira de entender a cultura, de compartir experiencias e de mirar o mundo desde a liberdade, a curiosidade e o pensamento crítico».

Esta edición levará á gran pantalla algúns dos títulos máis destacados do ano, incluídas películas quepasaron por festivais internacionais como Cannes, Berlín ou Venecia.

As sedes do festival estarán repartidas por diferentes espazos culturais da cidade, entre eles o Salón Teatro, NUMAX, o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia. O xurado oficial estará formado por Àngel Quintana, catedrático de Historia e Teoría do Cine na Universidade de Girona; Lucía Solla, escritora galega; e Frédéric Maire, director, xornalista e programador cinematográfico.

Películas internacionais e grandes nomes do cine

A programación desta 40.ª edición inclúe títulos como Fjord, de Cristian Mungiu, gañadora da Palma de Ouro do Festival de Cannes en 2026; Minotauro, de Andrey Zvyagintsev; Fatherland, de Pawel Pawlikowski; All of a Sudden, de Ryusuke Hamaguchi, eCoward, de Lukas Dhont. Todas elas competiron na última edición do Festival de Cannes e posteriormente pasaron por Perlak, a sección do Festival de San Sebastián que reúne algunhas das películas máis relevantes do panorama cinematográfico internacional.

A esta selección súmanse producións que participaron na competición oficial da Berlinale, como Yellow Letters, gañadora do Oso de Ouro; Everybody Digs Bill Evans, que obtivo o Oso de Prata á Mellor Dirección; Josephine; Nina Roza; e Rose.

Tamén haberá espazo para os novos traballos de cineastas consagrados como Mike Leigh, con Tender Loving Care, recoñecida coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián, e Nanni Moretti, con Sucederá esta noite.

O selo galego de Cineuropa

O audiovisual galego volverá ocupar un lugar destacado na programación de Cineuropa, que mantén o seu compromiso coa creación locale coas novas propostas cinematográficas.

Entre os títulos que cómpre ter no radar están Tralovento, de Eloy Domínguez Serén, cineasta vinculado ao Novo Cinema Galego; As augas, de Ledicia Sola, que será a película encargada de clausurar o festival; e Die Gäste, unha coprodución galego-alemá de Cristina Diz e Stefan Butzmühlen.

Cineuropa tamén botará a vista atrás para celebrar a súa historia e a do cine. As Seccións Paralelas recuperarán o universo cinematográfico de Alfred Hitchcock cun ciclo que reúne algúns dos seus clásicos máis emblemáticos, como Vértigo, Psicosis e Los pájaros.

Como conseguir entradas e onde consultar a programación

As entradas para as películas das seccións Cineastas do Presente, Sección Oficial Europea, Panorama Internacional, DocsCineuropa e Cineuropa Miúda, así como para o filme sorpresa, teñen un prezo de 4 euros.

Para quen queira gozar de varias sesións, o festival ofrece un bono de 10 películas por 30 €. O Maratón de Cineuropa terá un prezo especial de 6 € e non permitirá utilizar o bono.

As entradas pódense mercar a través de compostelacultura.gal e na billeteira de Zona C, situada na rúa do Preguntoiro, 1, xunto á Praza de Cervantes. A partir do día 8, tamén estarán dispoñibles en NUMAX e no Auditorio de Galicia as entradas para as actividades programadas nestas dúas sedes.

As actividades e proxeccións de acceso gratuíto poderán gozarse ata completar a capacidade da sala.

Consulta o programa completo premendo aquí e organiza a túa axenda cinematográfica.

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gif Amo Compostela
Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.