Galicia consolídase como a terceira comunidade con máis bandeiras azuis

11 Mai 2026 | Turismo

Galicia presume este ano de 118 praias con bandeiras azuis, o que converte a rexión na terceira con máis distintivos do país. Rexistra incluso 10 máis ca o ano anterior, e sitúase por detrás de Valencia (197) e Andalucía (184). As bandeiras azuis premian a calidade da auga, a accesibilidade, a seguridade, a sostibilidade, a xestión ambiental e os servizos que ofrecen os areais.

Pontevedra é a provincia con maior número de distintivos — 56 praias e 6 portos —. Séguenlle A Coruña — 44 praias e 5 portos —, Lugo — 17 praias e 1 porto — e Ourense, que incorpora o seu debut na lista coa praia fluvial dos Franceses.

A escala local, Sanxenxo (Pontevedra) é o municipio que lidera a clasificación, cun total de 18, seguido de Vigo, con 12. Na provincia da Coruña, o podio é para Arteixo e Ferrol, con 6 cada un, mentres que a cidade da Coruña e Oleiros contabilizan 5, respectivamente. A costa lucense destaca grazas a Foz (5), Barreiros (3), Burela (2) e Ribadeo (2).

Areais como os de Niñóns, en Ponteceso; O Laño, en Poio; e Pampaído (Sanxenxo) estrean o distintivo. Outros como Ponzos, en Ferrol; A Concha e Morouzos, en Ortigueira; Coroso, en Ribeira; A Pasada, en Barreiros; e Loira, en Marín, recupérano.

Nesta edición, o xurado resolveu a concesión das bandeiras a praias e portos deportivos por un período de dous anos (2026-2027) para adaptarse aos requisitos internacionais e aos cambios normativos da UE. Manter o galardón dependerá de cumprir os criterios actuais durante o seguimento anual e os correspondentes procesos de verificación.

En paralelo, existe un recoñecemento aos denominados centros azuis, aulas de natureza e de mar, puntos de recepción de visitantes e instalacións de investigación dedicadas á educación ambiental no marco do programa Bandeira Azul. Nesta categoría, Galicia obtivo 18 das 106 distincións outorgadas en todo o país.

Así mesmo, como programa independente da Bandeira Azul, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) pon en valor o papel dos sendeiros azuis, que permiten gozar da natureza e interpretar o contorno. Os resultados outorgan á comunidade galega 72 dos 194 itinerarios destacados en España.

En total, Galicia concentra 219 galardóns entre praias, portos, centros de visitantes e sendeiros. Isto significa que é a segunda comunidade española con máis recoñecementos azuis, só por detrás de Valencia (228) e superando por primeira vez a Andalucía (204).

0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gif Amo Compostela
Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.