Este é o calendario das Festas da Ascensión 2024

30 Abr 2024 | Cultura, Lecer

O Festival da Ascensión , que regresa a Santiago de Compostela do 8 ao 12 de maio, desvelou a súa completa programación con concertos , bailes , atraccións e outras actividades tradicionais que non podedes perder .

As festas comezarán cos concertos de Santiago 40 Pop , ás 21.00 horas, na Praza da Quintana, e a Orquestra Panorama , ás 22.30 horas.

O día grande da Ascensión , o xoves 9 de maio, estará amenizado coas actuacións de Fillas de Cassandra , ás 21.00 horas na Praza da Quintana, e a Orquestra Funçao Públika , ás 22.00 horas.

Ese mesmo día haberá diferentes alboradas, comparsas, concertos e cabezudos polas rúas da capital galega. Tamén terá lugar o evento ‘ Folk na rúa ‘, no que actuarán polas prazas de Compostela varios grupos de baile tradicional galego.

E como cada ano, a tradicional Feira do Cabalar da Ascensión volverá no Mercado Nacional de Gando de Santiago en Amio.

O venres 10 de maio acollerá a nova edición do CompostFest , protagonizado por Boyanka Kostova, Dios Ke Te Crew, André GS e Cool Nenas que animarán a Praza da Quintana. Por outra banda, ás 22.00 horas dese mesmo día actuará na Praza do Obradoiro a orquestra Los Players .

Tamén volverá no Campo de Hóckey da USC o Gaelic GP Drone Festival , que continuará ata o sábado con actividades e competicións de drons.

O sábado 11 de maio estará marcado pola tradición compostelá con actuacións de escolas de baile tradicional ou cantos de taberna . Así mesmo, celebrarase a XXIV Festa dos Maiores , cunha serie de actividades pensadas para os máis vellos da cidade.

A xornada rematará cos concertos da Orquestra Finisterre ás 22.00 horas na Alameda e de Billie Marten ás 22.00 horas.

As Festas da Ascensión rematarán coa XXIII Carreira da Ascensión e o concerto da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela , ás 19.00 horas na Praza da Quintana.

Podes consultar o programa completo na seguinte ligazón .

Se queres coñecer de primeira man as festas de Santiago e vivir como nunca a súa cultura e tradición, non dubides en acudir á Ascensión.

0 comentarios

Enviar comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gif Amo Compostela