O dúo Fillas de Cassandra ofrecerá un concerto o 7 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela nun acto dirixido especialmente á mocidade. A entrada será gratuíta para persoas de entre 18 e 30 anos, ou menores de entre 16 e 18 anos, sempre que acudan acompañados dun adulto.
Esta actuación enmárcase nunha iniciativa financiada polos orzamentos participativos da área de Mocidade do Concello de Santiago, na que máis de 800 elixiron diversas iniciativas para levar a cabo ao longo do ano. A segunda proposta máis apoiada foi, precisamente, organizar un concerto cunha banda relevante do panorama musical galego actual.
María Rozas, concelleira de Dereitos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, destacou que a elección de Fillas de Cassandra responde “a súa imparable traxectoria, e tamén ás súas mensaxes feministas e de promoción do galego entre a mocidade, nun momento no que estamos tan preocupadas sobre o futuro da nosa lingua”.
Sara Faro, membro de Fillas de Cassandra, amosou a súa ilusión por formar parte desta proposta, destacou a importancia de darlle voz á mocidade e amosou a súa esperanza de que todos os asistentes “saian da Capitol con máis ganas de participar, e con máis ganas de falar en galego.”
Requisitos para conseguir un billete
As entradas para o concerto pódense recoller entre os días 5 e 6 de novembro no Centro Sociocultural do Ensanche, situado nunha zona accesible e frecuentada pola mocidade. Cada persoa poderá retirar unha invitación e para acceder a ela será necesario acreditar que reside, traballa ou estuda en Santiago .
O acto, que comezará ás 21 horas, contará coa actuación previa de Boa Sunnet, unha das bandas residentes nos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga.
0 comentarios