Dende o xoves 13 de febreiro e ata o domingo 2 de marzo terá lugar en Santiago de Compostela unha nova edición do Santiago(é)Tapas, un evento gastronómico promovido e organizado por Turismo de Santiago e co apoio da Deputación da Coruña.
Durante tres semanas, cada un dos 42 establecementos participantes porá a disposición do público unha tapa creada expresamente para esta ocasión. Como en edicións anteriores, os asistentes poderán atopar unha gran variedade de opcións: algunhas das tapas serán tradicionais e homenaxearán aos sabores de sempre, mentres que outras estarán cheas de creatividade, fusionando ingredientes locais con toques innovadores e modernas técnicas culinarias. Esta variedade garante que sempre haxa algo para todos os gustos.
O percorrido pódese realizar a través de 7 rutas gastronómicas e, ao completar unha ou varias, pódese conseguir unha serie de premios.
Por iso, este evento non só permitirá gozar dos grandes sabores da gastronomía galega, senón que tamén será unha grande oportunidade para descubrir os bares, restaurantes, rúas e o encanto da capital.
Que pasos debes seguir para poder participar?
En primeiro lugar, antes de iniciar a túa viaxe nesta festa gastronómica, debes acudir á Oficina de Turismo de Santiago, de luns a domingo de 10:00 a 18:00 horas, para recoller o teu Tapasporte. Este caderno permitirache acreditar que fixeches algunha das 7 rutas de tapas.
Se es turista ou visitas a cidade durante uns días, o Tapasporte ten unha sección chamada “Tapasporte Express”. O funcionamento será o mesmo que o folleto normal, a única diferenza é que a sección “Tapasporte Express” está dirixida a este tipo de público ocasional.
En segundo lugar, cómpre decidir a que ruta de tapas ir. Hai opcións doces, sen glute e vexetarianas.
Unha vez que te decidas, prepara o teu apetito para gozar da experiencia ao máximo.
Cada vez que probes unha tapa, debes votar mediante un código QR facilitado no propio establecemento.
Neste momento, podes solicitar o selo do teu Tapasporte.
Por último, cando remates unha ou varias rutas de tapas, volve á Oficina de Turismo de Santiago, onde estará agardando por ti o teu premio. Podes conseguir desde unha gama de produtos de agricultura ecolóxica e de alimentación artesanal de Galicia ata botellas de viño, packs de cervexa, café de marcas punteiras ou bonos para Obradoiro CAB e SD Compostela, entre outros moitos premios.
Iso si, terás ata o 10 de marzo para solicitalo.
Ademais, sortearase outro agasallo entre todos os que emitan o seu voto, grazas á empresa Hijos de Rivera, patrocinadora principal do certame gastronómico e propietaria de Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá.
Un evento único na capital galega
Máis aló dos premios e da deliciosa comida, o Santiago(é)Tapas é unha excelente oportunidade para coñecer a cidade no seu lado máis acolledor e festivo. É dicir, ademais de ser un grande evento gastronómico, é un grande evento social. Permíteche coñecer, saír, descubrir novos bares e restaurantes que quizais non coñecías, pasear polas históricas rúas de Santiago entre unha tapa e outra e, ao mesmo tempo, gozar da nosa gastronomía probando novas e innovadoras combinacións de sabores ou escollendo o tradicional a través dunha gran variedade de rutas propostas.
Se che gusta a boa comida ou simplemente buscas unha escusa para saír e gozar do mellor de Santiago, este evento é unha data que non podes perder.
E para rematar, dende I Love Compostela recomendámosvos a tapa de Casa Ramos, que podedes ver na foto e que xa probamos e nos encantou.
0 comentarios