Compostela acolle as ‘Noites Alternas’ , unha nova edición do programa alternativo promovido pola Concellería de Mocidade de Santiago en colaboración coa Asociación Cultural e Xuvenil Itaca. Esta iniciativa, que se prolongará ata o 22 de novembro, ofrece unha trintena de actividades dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos, con propostas para todos os gustos e intereses.
O programa é totalmente gratuíto e terá lugar cada dous xoves e venres. As actividades inclúen obradoiros de cociña, música, percusión, creación de contidos dixitais, rutas por cidades, xogos de rúa e xogos de mesa.
As sesións celebraranse na sede de Itaca, no local de Brañas de Andrés, no Centro Xove da Almáciga, nas instalacións de Circonove nas Cancelas ou na Asociación Break Inclán. Para participar é preciso inscribirse todos os luns previos á actividade a través do seguinte formulario.
A Asociación Cultural e Xuvenil Itaca destacou que a programación ‘Noites Alternas’ foi deseñada a partir dun proceso participativo no que foron os propios mozos da cidade os que propuxeron que actividades querían facer. Nesta ocasión recolléronse máis de cen propostas diferentes.
0 comentarios