Durante dez días, a praza da Quintana de Santiago converterase no epicentro das letras galegas grazas á oitava edición da Semana do Libro Compostela (SELIC) e o seu Festival do Libro, do 7 ao 16 de xuño. A cita acollerá unha vintena de expositores, entre librarías, editoriais e institucións, e ofrecerá máis de 60 actividades.
Así, a SELIC avanza con firmeza cara ao seu obxectivo de converterse na cita literaria de referencia en Galicia. A edición deste ano promete ser a máis internacional da súa historia, xa que contará coa presenza de recoñecidos personaxes literarios como o irlandés John Banville ou a palestina Adania Shibli.
Iso non cambia por suposto que o Festival do Libro ten preparada unha ampla representación da literatura galega, con autores como Leo de Matamá, Rosa Aneiros, Afra Torrado, Fernández Naval ou Eva Veiga.
A literatura criminal como protagonista
A sección SELIC Criminal volve por segundo ano consecutivo coa misión de reflexionar sobre o xénero negro en profundidade, con actividades que se centrarán no crime do 13 ao 15 de xuño.
Un deles será o encontro ‘Festivais Negros’, con representantes de diferentes eventos sobre esta temática como Javier Rivero (Tenerife Noir), Javier Sánchez Zapatero (Congreso de novela e cine negro de Salamanca) ou Miguel Barrero (Semana Negra de Xixón).
Outra das novidades desta edición será a celebración do corenta aniversario de ‘Crime en Compostela’. Esta novela, gañadora da primeira edición do Premio Xerais, é un piar do xénero policial nas letras galegas. A obra de Carlos Reigosa foi homenaxeada no cartel da SELIC, onde aparece a pistola empregada na novela. Ademais, organizaranse debates e andainas guiadas polos escenarios do libro, coa participación do propio autor e doutros expertos.
Tamén haberá varias mesas redondas sobre detectives ficticios, cómics ou tatuaxes criminais. Autores como Rosa Ribas, Sara Vila ou João Tordo tamén formarán parte desta sección, que concluirá co espectáculo ‘Crime en carpaccio’, de Simone Negrin.
Compostela a pé
A SELIC ofrecerá 12 rutas temáticas para descubrir Santiago dende novas perspectivas. Ademais dos exitosos percorridos de edicións anteriores, hai novas rutas dramatizadas pola obra ‘Doentes’ de Vidal Bolaño, guiada por actores e actrices locais. Tamén haberá paseos dedicados aos escenarios teatrais da cidade, as pegadas feministas e as historias e personaxes da ‘Baralla de Compostela’.
A música e a poesía terán un lugar destacado na programación, coas actuacións de Leo de Matamá, F.X. Fernández Naval, Eva Veiga e moitos máis. A Fundación Carlos Casares tamén contribuirá con varios recitais, fusionando literatura e outras artes.
A SELIC emerxe como un evento literario imprescindible en Galicia. Podes consultar o seu programa completo na seguinte ligazón.
0 comentarios