O festival Cineuropa volve a Santiago de Compostela con máis de 130 películas

7 Nov 2024 | Cultura, Lecer

A 38 edición do festival de cine Cineuropa volve a Santiago cunha programación que inclúe máis de 130 películas de todo o mundo. Terá lugar do 7 ao 29 de novembro e acollerá diferentes actividades paralelas dirixidas á mocidade.

O acto comezará no Teatro Principal coa proxección de ‘Por todo lo alto’, dirixida por Emmanuel Courcol, tras conseguir o premio do público no Festival de San Sebastián. Este ano, Cineuropa chega baixo o lema de ‘O corazón do cinema é a liberdade’ e explorará esta temática ao longo das súas proxeccións.

A sección oficial do ciclo está formada por destacados filmes nacionais e internacionais, que veñen da man de figuras consolidadas como François Ozon (‘Cando cae o outono’), Bruno Dumont (‘O imperio’), Quentin Dupieux (‘O segundo acto’), Andrea Arnold (‘Bird’), Mike Leigh (‘My Only Family’) ou Paul Schrader (‘Oh Canada’). A estas voces súmanse producións de novos cineastas que reflicten a diversidade cultural e creativa do panorama global.

Cineuropa repite, por cuarto ano consecutivo, como festival competitivo coa súa sección New Filmmakers, onde doce filmes competirán polo premio principal. Farano baixo a mirada dun xurado formado pola cineasta brasileira Flávia Castro, a directora, guionista e intérprete Sonia Méndez e a programadora e xornalista cultural uruguaia María José Santacreu. Entre os candidatos destacan filmes de países como Colombia, Iraq ou a India, seleccionados tras pasar por recoñecidos festivais europeos como Locarno ou Cannes.

Un programa con proxeccións exclusivas

Esta edición chega con varias estreas, como o documental ‘7291‘ de Juanjo Castro, que trata en profundidade o acontecido nas residencias de maiores dependentes da Comunidade de Madrid durante a pandemia.

Outra exclusiva de Cineuropa é ‘ From Darkness to Light ‘, un documental de Eric Friedler e Michael Lurie no que se afondan na película perdida de Jerry Lewis, un proxecto dos anos 70 que nunca viu a luz.

Elías Siminiani, vello coñecido do festival, volverá ao escenario de Cineuropa para estrear ‘O circo dos rapaces‘, unha serie que narra, a través de material de arquivo, o ascenso e caída de Benposta.

Henry Fonda para o presidente, ideal de sociedade

Unha das temáticas especiais desta edición xira arredor da figura do actor e mito estadounidense Henry Fonda, nunha sección paralela titulada ‘Henry Fonda for President. O corazón do cine é a liberdade. A retrospectiva explora como Fonda representou os valores democráticos e humanistas nunha serie de películas que describen a historia estadounidense. No marco desta sección, presentarase a película ‘Henry Fonda for President‘, de Alexander Horwarth, que dá nome a este bloque da programación. O filme analiza a conexión entre os personaxes interpretados polo actor e os ideais da sociedade estadounidense.

Así mesmo, Cineuropa contará con outras variadas seccións paralelas, como ‘Latidoamericano’, ‘Fantastique Compostela’ ou aquela que celebra o centenario de Marlon Brando e o método Actor’s Studio.

Os gañadores do festival

Na súa 38 edición, o festival homenaxeará ao director ferrolán Alberto Gracia, á actriz hispano-sueca Ingrid García-Jonsson e á directora brasileira Flávia Castro. Cada un deles recibirá o premio Cineuropa como recoñecemento á súa traxectoria en galas especiais ao longo de todo o evento, acompañadas das proxeccións dos seus traballos máis recentes.

Alberto Gracia recollerá o seu galardón o martes día 12 no Teatro Principal, onde se emitirá a súa película ‘La Parra’. Ingrid García-Jonsson recibirá o seu premio o xoves 14 tamén no Teatro Principal acompañada da proxección de ‘La Ballena’.

Finalmente, Flávia Castro obterá a máxima distinción de Cineuropa o mércores 20 no Salón Teatro, onde presentará ‘Diário de umaBusca’, que explora a súa propia infancia como refuxiada brasileira tras o golpe de Pinochet.

Actividades paralelas

Na súa aposta por achegar o cinema a todos os públicos, o festival organizou numerosas actividades paralelas, que incluíron proxeccións para nenos e mozos, unha selección de curtametraxes creadas no programa educativo ‘Cinema en Curso’, e unha xornada de formación sobre financiamento audiovisual en colaboración con AGAPI, EGEDA e Segoventure.

Ademais, homenaxearase ao cineasta español José Val del Omar e celebraranse concertos da Real Filharmonía de Galicia e da Banda Municipal de Santiago.

As sedes do festival serán o Teatro Principal, a Sala Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C. As entradas xa están á venda na Zona C e nesta web. Podes consultar o programa completo do festival premendo aquí.

0 comentarios

Enviar comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gif Amo Compostela
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.