Son moitos os peregrinos que deciden facer o Camiño de Santiago cos seus cans para estreitar o vínculo entre dono e mascota, gozar da natureza e vivir en compañía a espiritualidade do Camiño. Hoxe é totalmente posible, xa que moitas das rutas que compoñen o Camiño de Santiago están en perfecto estado, o que garante que tanto ti como a túa mascota podades gozar da experiencia sen complicacións.
Así que, se estás pensando en percorrer o Camiño de Santiago co teu mellor amigo de catro patas, desde I Love Compostela ofrecémosche unha breve guía do que debes ter en conta antes de emprender esta viaxe.
A mellor ruta para andar co teu can
Aínda que todas as rutas do Camiño de Santiago teñen o seu encanto, a partir das vivencias dos peregrinos que xa o percorreron cos seus cans, unha das máis recomendadas é o Camiño Francés desde Sarria. Esta ruta é ideal, especialmente para os que se inician no Camiño, e é na súa maior parte rural, o que ofrece unha excelente oportunidade para que o teu can pasee libremente e goce da natureza sen os inconvenientes dos tramos de estrada.
Ademais, as etapas dende Sarria están ben sinalizadas e a distancia entre elas é apta para pasear coa túa mascota.
Que debo ter en conta antes de comezar o Camiño?
Antes de emprender esta aventura, hai que ter en conta varios factores para que tanto ti como o teu can gocedes da viaxe ao máximo:
- Preparación física: Os dous debedes estar en forma. Non é suficiente cun pequeno paseo todos os días; é recomendable facer camiñadas máis longas antes de comezar para afacervos ao esforzo que supón.
- Revisión veterinaria: Antes de comezar o Camiño, é fundamental levar ao teu can ao veterinario para asegurarse de que está en condicións físicas óptimas para realizar esta actividade. O veterinario pode realizar unha revisión xeral, actualizar as vacinas se é necesario e recomendar suplementos ou tratamentos preventivos.
- Adaptarse ao ritmo do teu can: É moi importante que non sobrecargues ao teu can. Lembra que cada animal ten o seu ritmo e non debe ir máis rápido nin percorrer distancias maiores do que está acostumado.
- Comprobar as almofadas: O teu can tamén necesitará descanso e coidados. Comproba as súas almofadas ao final de cada día para asegurarte de que non hai feridas nin signos de irritación, xa que camiñar por superficies duras ou irregulares pode causar molestias.
Que imprescindibles necesito na miña mochila?
Do mesmo xeito que ti precisas unha mochila co imprescindible para o Camiño, o teu can tamén necesita a súa propia equipaxe. A continuación, dámosche unha lista de elementos esenciais para o teu can:
- Documentación.
- Correa e arnés.
- Bebedeiro e comedeiro.
- Crema para as almofadas.
- Medicamentos e primeiros auxilios.
- Bolsas para recoller excrementos.
- Manta ou esteira.
Ademais destes elementos, é recomendable investigar as clínicas veterinarias dispoñibles ao longo do percorrido. Isto permitirache ter un plan de acción no caso de que o teu can sufra algunha lesión ou molestia.
Lista de albergues e refuxios que admiten mascotas
Un dos principais retos ao percorrer o Camiño de Santiago cun can é atopar un aloxamento que acepte mascotas. Non obstante, moitos albergues e pousadas comezaron a ser máis receptivos aos peregrinos con cans, facilitando a planificación da viaxe. Se escolles o Camiño Francés desde Sarria, algúns dos albergues e pousadas que aceptan mascotas que podes considerar son:
- Portomarín. Ao final da primeira etapa, poderás pasar a noite no Albergue El Caminante.
- Palas do Rei. Despois da segunda etapa, podedes quedar na Pensión Maite.
- Arzúa. O elixido é o Albergue da Vía Láctea.
- O Pedrouzo. Na penúltima etapa, podedes aloxarvos na Pensión Codesal.
- Santiago de Compostela. Unha vez que chegues ao teu destino, podedes acudir ao Hotel A Tafona do Peregrino, aínda que na cidade hai máis opcións de aloxamentos que admiten cans.
Consellos para cando remates o teu Camiño
Unha vez chegados a Santiago de Compostela, é recomendable solicitar a Credencial Canina, un recoñecemento especial para os cans que realizaron o Camiño.
Finalmente, non esquezas levar o teu can ao teu veterinario de confianza despois da experiencia para asegurarte de que estea en perfecto estado de saúde despois do esforzo físico do Camiño.
0 comentarios